O arco da vella ten moi fácil ir de rebaixas, pode subir para pasar por enriba do tráfico e baixar para pasear con pracer e tranquilidade polas rúas peonais, entrando en aqueles establecementos que máis lle chaman a atención. Incluso pode enviar a cada unha das súas cores a un comercio diferente.
A cor amarela, logo de ter revisado os escaparates das zapaterías e botado unha ollada rápida interior, decídese a entrar nunha. O seu escaparate de rebaixas pouco se diferenza dos anteriores. Na maior parte das zapaterías non prestan moita atención aos seus escaparates. Isto é un erro. Na zapatería que entra a cor amarela observa que no seu escaparate están os zapatos uns xunto a outros, todos seguidos. Son pares soltos, algúns teñen prezos e outros non, algúns teñen o prezo anterior e o prezo actual de rebaixa e outros non. Esta zapatería non cumpre coa lexislación. A cor amarela para preguntar polo prezo dun par de zapatos que lle gustaban tivo que entrar no establecemento e esperar bastante tempo a que lle atenderan.
A cor encarnada vai facendo ondas como unha serpe entrando e saíndo polos establecementos de roupa. Vai en busca dunha prenda de verán que teña bo prezo. No seu percorrido observa que na maior parte dos escaparates non poñen a porcentaxe ou porcentaxes de rebaixas que teñen os artigos que están á venda. Nalgunhas tendas non poñen nada, só o cartel de REBAIXAS pegado ó cristal e os artigos expostos carecen de prezo. Tampouco cumpren a lexislación vixente. Outras si se preocupan de chamar a atención é poñen as porcentaxes de rebaixas con grandes tamaños e cores vistosas, que atraen aos consumidores e consumidoras (normalmente é encarnada con fondo branco) e animan a mercar. A cor encarnada observa ó entrar nas tendas que o merchandising é un dos aspectos que desaparece na época de rebaixas. A roupa está case que sempre amontoada enriba de mesas e andeis, isto pode ser provocado para dar a sensación de baixo prezo (unha redundancia, xa que toda a clientela sabe que hai rebaixas) polo que a cor encarnada inclínase a pensar máis ben en que non se dispón de persoal suficiente para que os artigos estean ben colocados no seu sitio e facilitar así a súa compra ó consumidor ou consumidora. A cor encarnada tamén saca outra conclusión e é que @s empresari@s non se preocupan de facer esforzos en coidar o merchandising porque teñen as vendas aseguradas, independentemente de que o persoal que atende non sexa tan agradable como noutras épocas e os artigos estean revoltos.
As demais cores que serpearon o resto dos establecementos, sacaron todas as mesmas conclusións que a cor amarela e a cor encarnada: Nas rebaixas o merchandising deixa de existir. A única ferramenta que se utiliza para a atracción da clientela é a propia REBAIXA, infrinxindo a lexislación na maior parte dos casos.
Escribe un comentario